Sunday 08 de September de 2024

A escolas infantís de Oleiros dispoñen de prazas vacantes en todos os cursos, agás no nivel 1-2


Publicadas as listaxes de admisión nas escolas infantís públicas de Oleiros, todos os nenos/as do municipio que solicitaron praza para os niveis 0-1 e 2-3 están admitidos. Só hai lista de espera no nivel 1-2, con 19 nenos/as de Oleiros que provisionalmente quedarán sen praza, pero que moi probablemente acabarán conseguíndoa polas habituais renuncias que se dan antes do inicio do curso por diversas circunstancias.

O dato que publica a Xunta de Galicia de que hai 111 nenos/as en lista de agarda non se axusta á realidade dado que moitas das solicitudes están duplicadas e triplicadas. A cifra real é de 34 nenos/as en listaxe de agarda, dos que só 19 corresponden a familias empadroadas en Oleiros.

O Concello sempre fixo unha aposta prioritaria por este tipo de centros, que ademais de atender ás mellores condicións de socialización das crianzas, resultan importantes mecanismos de conciliación da vida familiar e laboral. O sistema de escolas infantís públicas de Oleiros consta de 4 centros que ofertan en total 304 prazas: A Canteira 102, A Pardela 74, As Galeras 87 e A Braña 41 prazas.

LISTAXES: https://www.igualdadebenestar.org/anuncios/anuncio.php?id=991&lg=gal